A Domus (A voapluma, Diario de Ferrol, 01/05/2001)

Nas xuntanzas da Irmandade dos Vinhos Galegos trátanse asuntos da gravidade maior, e fanse propostas para resolvermos as eivas do Impaís. Tamén aprovéitase para coñecermos lugares, historias e adiantos que aumentan a cultura da tan secreta sociedade.
Desta volta na Coruña, confrades e catecúmenos aprenderon interioridades da Rusia profunda, e recibiron convite para visión especial, con caviar e viños, en próxima excursión.
Rusia, imperio terrestre —sen mares polo medio— como ningún, hiberna á espera de emerxer, e de lle facer á Europa Occidental o favor de conter as presións do Oriente hiperpoboado. Viva, logo, a Rusia do desacougo, dos que matan penas con vodka —e con tintos da Mancha e brancos de Galicia, considerados delikatessen.
Nesa ansia de cultura, e xa que estabamos na Domus que dirixe Ramón Núñez Centella, alá fomos ver por dentro o máis esquisito dos galpóns que xamais arquitecto proxectase.
Miramos e rimos moito (perdón, Moncho); e acabamos dándolle definición ao percibido nun paseíño de media hora, que o remexido museístico non dá para máis: un coruñés definiuno como “parvada”; un ferrolán chegou máis lonxe coa precisión, ata “conachada”. Outro coruñés e un ourensán entraron en disquisición lingüística, para concluíren que o ferrolanismo é o que verdadeiramente lle acae La Casa del Hombre
Á entrada no belo galpón hai un contador do crecemento da poboación no mundo.
Non quedaría mal, Moncho, outro contador do decrecemento da poboación nesta Galicia castrada, onde ninguén fai un fillo.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 01/05/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*