De cristiáns a musulmáns: unha vivencia na praia da ría de Ares

Longa praia da ría de Ares en tarde solleira. Coa baixamar a xente pasea, fai quilómetros de saúde; ou toma baño, ou xoga. Hai persoas de todas as idades a gozar do sol. Mais ninguén se libra ás veces de pequenos accidentes e, precisamente por estar a marea baixa, un camiñante coa auga polas canelas bate nunha rocha oculta, cae e máncase coas cunchas dos moluscos adheridos a ela. O sangue, que é moi rechamante, fai ao accidentado parar e observar as mancaduras, feridas superficiais.

Axiña se lle achegan dúas señoras de ben diferenciada idade, unha polos cincuenta anos e outra polos trinta, e ofrecen axuda por hipocrático xuramento: son mai e filla, enfermeira a maior e médica a nova. Revisan as escoriacións e recomendan auga osixenada e pensos para cubrilas.

Ata aquí, todo vulgar.

Porén -nos días tráxicos que vivimos- cumpriría engadir que a dama maior andaba de monokini, sen nada que lle cubrise os seos; e que a menor delas, en bikini, estaba grávida de moitos meses.

Para o asistido por elas nada houbo de sorprendente, mais ficoulle a reflexión de que a liberdade de praia e corpos case nus foi conquistada na Europa historicamente cristiá logo de centos de anos; e que falta saber cantos máis han pasar ata que futuras musulmás europeas dean actuado nunha anécdota semellante á que vén de vivir.

A vivencia desa tarde foi paralela -quizais na mesma hora- que o ataque nas Ramblas de Barcelona.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 27/08/2017.]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*