Marketing (A voapluma, Diario de Ferrol, 29/04/2001)

Asistín a un seminario sobre marketing para a transferencia de tecnoloxía, algo sofisticado pero necesario porque en todo choio se vende. Aínda máis, porque en todas as relacións humanas hai o do ut des (dou para que me deas), que só afrouxa en materia de amores.
Ben. O asunto é que o responsable da formación era unha dama catalana, femininamente vestida con chaqueta e pantalón, casada e mai de familia.
Ensinounos unha chea de conceptos, ao xeito de necesidade, desexo, demanda e as súas interrelacións. Pintou e explicou a pirámide de Maslow e tocou o tema fundamental (ao meu ver) destas técnicas que, en conxunto, non damos traducido ás linguas latinas (por soaren a “modernas” e, por tanto, teren que ser tratadas na lingua do imperio, neste caso, ianqui).
Ese tema é o da utilidade dos obxectos de desexo, clasificada como funcional (a dun reloxo normal, por exemplo), simbólica (a dun Rolex, que indica ter cartos) e vivencial (a dun reloxo con altímetro, GPS, compás, etcétera, para explorar selvas).
Gustei da reflexión sobre a utilidade; e das referencias catalás a empresas galegas de éxito, entre as que a profesora salientaba Zara, mostra de intelixencia nas técnicas de mercado dirixidas á conquista do usuario final.
Por iso -pola teima de ir a contrafío en todo- conteille un caso que me pasou hai pouco:
Escoitei unhas señoronas elegantonas e profesionais falaren mal dunha coñecida porque “vai de Zara ao traballo”.
Criticábana -entendo- porque simbolicamente para elas a roupa de Zara é cousa de obreiras.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 29/04/2001]

Share

Deixar unha resposta