Colimba (A voapluma, Diario de Ferrol, 28/04/2001)

Teño dous amigos distantes na xeografía e na circunstancia. Un é almirante e non ve o mar; o outro, electricista prexubilado e ve a cotío o Mar Austral.
Eu fago de ponte entre eles:
Días atrás falaba co almirante do problema que supón a defensa para España; principalmente por un novo concepto que está a xurdir neste pseudopaís manexado por demagogos mediáticos:
Como agora xa non hai que facer a mili, a defensa é só cousa de militares.
Ou sexa, aplicando o discorrer á policía: xa que a Garda Civil e os outros corpos son de pago, non de obriga, a orde e a seguranza son só materia deses profesionais…
Mentres o falabamos -ao teléfono- procurei na pantalla do oredenador certa nota das que me escribe o amigo de alén-mar en relación a estas columnas a voapluma.
O prexubilado (feliz en canto se manteña a paridade peso-dólar) fai radio alá pensando en Galicia.
E, por mor de repoboar a (Nosa) Terra que falece, fixo anuncio das ofertas do Ministerio do Trillo, con resultado de colapso da centraliña telefónica da emisora.
Seica agora todos os arxentinos descendentes de españois queren ser voluntarios nas Forzas Armadas españolas, como paso previo á súa instalación na Europa das oportunidades.
O problema vai vir -di o amigo radiofónico- cando teñan que facer cousas de “la colimba” (servicio militar) de veras e vexan o difícil que están en España “el churrasquito y el mate”.
O almirante e eu rimos deses toques de humor, e deixamos para outro momento o falarmos en serio moito do que ao respecto se pode pensar.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 28/04/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*