Adulterio (A voapluma, Diario de Ferrol, 27/04/2001)

Quixera ofrecerlle a Ramón Varela, que en Barcelona le estas notas na web, un guión de “novela magnetófono”, filla da realidade que por veces supera a fantasía:
Chamábanse Adela e Ramón. Coñecéronse nun fiadeiro, no que as señoras vixiaban os rapaciños segundo bailaban o agarrado.
Na volta para a casa, o Ramón rouboulle un bico á Adela; e xa para sempre se quixeron.
Queréndose eles, foi como o rapaz tomou camiño da Habana, onde se entretivo de máis. Faltos de letras ambos, pouca carta dictada meteron polo medio.
E, cando retornou o Ramón, con bigotes e chapeo Panamá, soubo que a Adela era casada e mai dun cativo.
Entón el, sabéndose con pouca razón para o despeito, arranxou matrimonio coa Flora, decidido a tela por muller para sempre.
Como así sería, sen que iso impedise que as atrocidades da guerra e os horrores da posguerra fixesen coincidir os namorados de mociños…
Toda a parroquia calou o escándalo durante décadas, mentres os maduros se facían vellos e case todos os novos emigraban. Dicíase que o Ramón se metía na casa da Adela.
Ata o momento en que a el lle empezou a custar traballo tripar corredoiras. Entón, cando os días estaban bos, víase a Adela saír da casa ao tempo de o Ramón facelo. Mais, por respecto á idade, ninguén os seguía.
Nestas, el entregou a alma ao Supremo Xuíz. A señora Adela non lle foi ao enterro, pero faltou da casa.
Dérona en buscar e atopouna un neto ao luscofusco:
Sentada nunha rocha do monte preto da casa do señor Ramón, choraba apertada a un rolo de mantas con anacos de felgo.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 27/04/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*