Teleexclusión (A voapluma, Diario de Ferrol, 26/04/2001)

As vidas baséanse nas teimas que nos fan vivir. Por iso o pasado día 24, xa en horas cansas, nos xuntamos no auditorio coruñés da Fundación Caixa Galicia nunha Xornada sobre a Sociedade da Información no Impaís.
Deron benvida Xosé Luís Méndez e Xosé Manuel Soto. Confundiu o público cun discurso lacoruñesista José Manuel Penabad, foi breve de máis —pero simpático— Xosé Valiño, e esclarecedor José Jiménez.
Caixa Galicia e Telefónica propuxéranse entrar na tópica “SI” e ficaron liñas trazadas: por exemplo, que a unha entidade de crédito lle interesa moito o aumento de usuarios da interrede global; ou que a Telefónica é consciente da dispersión poboacional en Galicia e da dificultade de dar accesos con capacidade dabondo.
Botáronse en falta puntualizacións sobre conceptos que a xente confunde, como Internet, web e comercio electrónico, remexido polo que naufragou en bolsa tanta aposta “punto com”…
Pero, para min, o máis importante foi unha conversa co Méndez sobre os nosos fillos menores —contrastada con termos densos coma o chumbo que o home do clube de Iñás expuxo para a audiencia:
“Excluídos”, “marxinados” e “novos analfabetos”.
As novas técnicas fillas da tecnoloxía exclúen do sistema socio-laboral os que non se dan adaptado por falta de formación e mentalización. O sistema non os marxina, prexubílaos. E xorden os incapaces de transmitiren nin entenderen mensaxes cos novos medios de comunicación.
Males todos evitables en famila, substituíndo televisores por outros electrodomésticos: ordenadores.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 26/04/2001]

Share

Deixar unha resposta