Don Tristán (A voapluma, Diario de Ferrol, 24/04/2001)

A boa vila do Lérez acabou de es(perdón, señoras)carallarme a gorxa. A Semana Galega de Filosofía trataba este ano de Filosofía e Tecnoloxía, e alá fun. Falei dúas horas seguidas, logo de ter moita conversa en Santiago, na presentación do Cluster (¿por que en inglés, señores?) da Madeira, e de dar dúas horas de clase.
Un público atento —en hora de sesta— enchía a sala da Caixanova. Félix González presentou as miñas vaidades e entrei nunha doada materia, a que relaciona a tecnoloxía co afacer diario.
Unha vez máis, como sempre nesta vida, ía dar teoría e acabei aprendendo das persoas que tiveran a paciencia de escoitarme. Mesmo atopei un ilustre alumno do instituto Concepción Arenal de Ferrol, quen puxo as bases dun pensamento ordenado a relacionar a Filosofía coa Ciencia e a Tecnoloxía, e ofreceuno escrito en galego para a xente moza.
A experiencia de Pontevedra foi coma unha purga contra a corruptividade futboleira e a colonizacíon televisiva e indecente do Gran Hermano e as Crónicas Marcianas
Acabado o acto, saín a pasear e falar co Félix por esa Pontevedra á que teñen que liberar de cabos de enerxía entre o concello e Fenosa.
O González é home de leis e amante da cultura inglesa. E eu, que ando agora preocupado con xustizas e inxustizas en propia carne, co civil e o penal, gocei unha conversa única, extraordinaria.
Sempre hei lembrar o lugar en que o meu amigo me pasou unha máxima pensada en inglés:
“Nunca emprestes nin avales a quen o necesite”.
Foi na medieval Rúa de don Tristán de Montenegro.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 24/04/2001]

Share

Deixar unha resposta