“Médico colegiada”

Tense dito repetidas veces que a sección de mortuorias de La Voz ofrece un vasto campo de estudo para sociólogos, psicólogos sociais e lingüistas. Recentemente un colexio de médicos comunicaba nela o falecemento dunha colega, dando pé a comentarios sobre a ligazón entre o machismo e o uso lóxico do idioma. Para abraio de quen aprendeu na escola a concordancia de xéneros na linguas románicas, a defunta era cualificada como «médico (masculino) colegiada (feminino)». E, por se tal estrañeza non abondase, o ilustre colexio oficial (de titulados superiores universitarios) rogaba unha oración a «los/las señores/señoras colegiados/colegiadas».

A cousa podía ter rematado coa chanza de dicir que os médicos levan de agasallo o título de doutor, cando ben pouquiños deles se doutoran, e mal o merecen neste caso polo menos canto á gramática. Mais o tema non é para brincar: por tras da redacción desa mortuoria hai ferrados de confusión en termos de lóxica e de corrección social, mal chamada política.

En primeiro lugar, o estamento médico é moi conservador. Iso vese en Galicia pola lingua oficial dos seus colexios, e pola particular dos seus membros nas consultas. Faltos do latín en que estudaran ata ben metido o século XVIII, e incapacitados para usar o inglés fluently hoxe, os doutores agárranse ao castelán como lingua superior, propia de caste que exerce peculiar bruxería. No entanto, colexios profesionais modernos, colectivos nos que o inglés é simple commodity, optaron polo galego e ningún deles escribiría acerca dunha muller o título académico en masculino.

¿Canta carga de machismo hai en lle chamar «médico» a unha profesional? ¿E canto de opción a parecer xamán -varón- ten unha muller deixándose titular así? Seica os médicos galegos non saben que ao sur do mundo, na Patagonia, as machis curandeiras eran máis prezadas no seu oficio cós homes, a punto de estes teren que se feminizar no aspecto para exerceren.

Non esquezamos tampouco o contexto español de suposta corrección que leva ao absurdo de duplicar en masculino e feminino artigos, nomes e adxectivos nunha frase. Esa teima contraponse ao espírito da lingua e á economía do discurso. Volvendo ao latín en que outrora estudaran os médicos, conviría recordarlles a eles (e de paso ao políticos) que nas nosas falas o neutro e o masculino se fundiron hai dez séculos por comodidade de uso. Se -por exemplo- se di «os enxeñeiros de Telecomunicación» ou «os enxeñeiros en Informática» estase a falar dun colectivo, sen xénero. Diferente sería tratarmos unha colega de «enxeñeiro», co risco de levarmos un inmediato correctivo verbal.

No punto final, unha pregunta e unha sobrecorrección: en vida da defunta, que gloria haxa, ¿os seus colegas referíanse a ela como «doutora» ou como «doutor»? E, postos a seren correctos duplicando, deberían comezar co feminino nas frases «las/los»: ladies first.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 17/08/2017.]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*