Basilio (A voapluma, Diario de Ferrol, 23/04/2001)

Pontevedra en primavera fría. Viña eu de Compostela, de tecnolóxica ocasión e cheguei tarde (ao segundo prato) dun xantar presidido por Basilio Losada, a quen lle cómpre un epitafio (cando lle chegar e momento, que é de familia de lonxevos):
“Aquí xace Basilio Losada Castro, doutor lingüísta, que non fabulou todo o que sabía e xa non pode seguir fabulando”.
Os amigos organizadores da Semana Galega de Filosofía esperábannos con bo viño e mellor peixe, nun remexido de xentes que incluía matrimonio con meniño mamón.
O Basilio marcou conversa, e fíxonos saber do seu agradable encontro con don Manuel, a quen non coñecía en curtas distancias e que o deixou impresionado pola sobreintelixente memoria relacional que soborda de Fraga, o catedrático ensarillado coa política.
Un profesor catalán meteu polo medio a memoria seica extraordinaria do honorable Pujol, e pasamos a revisar casos de abraio.
O Basilio, que espera (coma min e coma todos os que temos visión de futuro en positivo) que os galegos acaben falando esa lingua universal dos 200 millóns de brasileiros, informounos de que se está doutorando en Teoloxía e pretende acabar os seus días de namorar público como bispo luterano de Königslutter, lugar do norte da Alemaña onde, de todos os da mesa, eu era o único que estivera.
Pareceume unha boa idea o posto no que espera retirarse o chairego xermanista e lusista. Pregunteille se xa consultara o asunto co Carlos Casares e díxome que si.
Co cal fiquei tranquilo, porque o de Xinzo é conselleiro de acerto.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 23/04/2001]

Share

Deixar unha resposta