Os árabes (A voapluma, Diario de Ferrol, 22/04/2001)

<

p align=”justify”>As enquisas sinalan que en España a xente vive preocupada polo paro, o terrorismo e a invasión dos “subsaharianos” en patera.
Sen embargo, eu vivo apavorado por culpa do bacharelato (ou como queiran chamarlle ao período educativo que nos meus tempos ía entre os 10 e os 17 anos).
Nos transcendentes cafés da cantina de Informática veño de aprender que non só os alumnos universitarios teñen que dar permiso para os pais accederen aos datos do seu currículo senón que xa un bacharel mocoso de 16 anos está facultado por lei para o mesmo absurdo: quen se responsabiliza por el non pode coñecer nin ás súas notas nin as súas asistencias.
Pasouse da brutalidade dos profesores (labazadas, estricóns de orellas, patadas no traseiro, vareadas nas palmas…) á desvergoña duns cativotes envalentonados que fan mofa dos pais e ameazan os profesores. Corpos grandes de raza mellorada con iogur e colacao achan nas proteccións legais ao menor xustificación para os seus atrevementos.
E chegan á universidade feitos uns burros (fóra a alma e a falta de ornearen), baleiros de coñecementos básicos. Como, por exemplo, os referentes á escrita alfabética e á transición entre Prehistoria e Historia.
Recentemente, en aula de terceiro curso de carreira tecnolóxica intimamente relacionada cos códigos alfanuméricos, o profesor preguntou:
-¿Quen introduciu en Galicia o alfabeto?
Os alumnos que responderon, fixérono ao unísono:
-Os árabes.
Nos meus tempos, as letras eran cousa dos romanos, e os números, dos musulmáns (non árabes) cordobeses.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 22/04/2001]

Share

Deixar unha resposta