Cátedras (A voapluma, Diario de Ferrol, 21/04/2001)

Desde esta columna acuso recibo da felicitación que envía X. L. G. C., lector asiduo de notas a voapluma por medio da edición electrónica do xornal.
En primeiro lugar, amigo X. L., moitas gracias, que de ben nacidos é ser agradecidos.
En segundo, señor director, vexa como avanzan os tempos, e como as versións en papel dos xornais van cedendo lugar ás expostas en modo web; o cal lembra o decidido por O Braziliense, xornal de Brasilia: ao comprobar un aumento constante de lectores vía interrede, adaptou o formato en papel ao electrónico para manter a fidelización …
Dicía X. L. na súa felicitación que Manuel O’ Rivas reclamara ensino de Poesía nos centros de formación tecnolóxica para facermos un mundo mellor.
X. L. propuña para o vaidoso que isto escribe unha cátedra ad hoc, polo que o caso xa foi tratado en solemne ocasión: tomando un café na barra da cantina da Facultade co xefe supremo, o decano Barja, quen non puxo cara de aceptar o asunto ás primeiras. Polo que se tentou convencelo con outras milongas:
Para catedrático de Poesía Telemática, se cadra, ben valería o Rivas, que sabe dabondo como moverse no mundo híbrido da información baseada nos bits e os datagramas.
Para un avó das Telecomunicacións e a Informática, que xa facía programas con ceros e uns hai trinta anos, mellor quedaría unha cátedra de Historia da Conectividade.
Porque do repaso histórico se retoman ideas que conducen á innovación. De feito, moitas veces o enxeño fica trabado por se adiantar no tempo ao que permite a tecnoloxía.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 21/04/2001]

Share

Deixar unha resposta