Valença (A voapluma, Diario de Ferrol, 20/04/2001)

De novo Portugal, a Portugaliza, Valença. En día de glorioso verde primaveral, a vila afortalezada recibe en comisión portugueses do Norte e galegos.
Por rara asociación de ideas, a contorna miñota lembra o alzamento do 36, os paseos que organizaban os fascistas e consentían os militares e os gardas civís. Moito galego raiano pasou o río na esperanza de seguir vivo, para ser devolto pola policía salazarista e fusilado en Tui, no piar da ponte…
Pero xa somos todos europeos democráticos, con sorte para os portugueses ao mudarmos de moeda: 1 euro é 200 escudos, o que axuda a facer a conversión. Nós temos que pensar na equivalencia de 3 euros a 500 pesetas, 100 pesos á galega.
Somos Europa e os que mandan en Bruxelas están ben informados: de toda a longa fronteira de España con Portugal só hai hipótese certa de integración transfronteiriza entre as dúas bandas do Miño. O resto é un ermo. Leoneses, estremeños e andaluces nada teñen que ver cos portugueses herdeiros da Reconquista.
Os políticos da Unión Europea coidan (porque llelo conta o Camilo Nogueira) que na Gallaecia Lucense se fala a mesma lingua que na Bracarense.
Pero non é verdade. Os galegos non saben falar nada, salvo castelán mal imitado. Ningún supera o castrapo, e non entenden o portugués. Nin sequera pronunciado á miñota.
Os da Unión Europea queren facer un paradigma da eurorrexión galaica, e para iso destinan cantidades abraiantes de diñeiro.
Mais nada desa euromillonada se vai aplicar á desdoma e descastración dos galegos castelanizados.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 20/04/2001]

Share

Deixar unha resposta