A prol do turismo

Tour é palabra francesa con varios significados; un deles, paseo. Para os ingleses -que falan medio francés- tour, pronunciado ao seu xeito, significa viaxe e xira; ten máis entidade cá do paseo como hoxe entendemos en España. Simplificando con fonética ibérica, dicimos turismo para indicar viaxes con estancias por gusto, e chamamos turista a quen anda en tal mester. Cos anos, os significados de turismo e turista tomaron unha deriva pexorativa. Houbo que facerlles o engadido «de calidade» para os salvar. Mais non deberiamos esquecer as virtudes do turismo deostado, masivo, que as ten.

En xeral, «el andar en tierras y comunicar con diversas gentes hace a los hombres discretos», como seica escribiu Cervantes; e, aínda máis, pode facer discretos -sabios- aos habitantes das terras andadas polos turistas. Ata pode socavar ditaduras.

Don Manuel Fraga dicía que a Lei de Liberdade Relixiosa de 1969 viu a luz por causa do turismo. A España sinistra -retratada en branco e negro- da inacabable posguerra autárquica comezou a tomar cor nos anos da apertura e o desarrollismo. A espectacularidade das paisaxes, a bonanza do clima, a gastronomía saborosa… converteron o país nun doado receptor de visitantes. Porén, os políticos partidarios de recolocar España no mundo, e de que o mundo entrase en España, axiña bateron co nacional-catolicismo: o ingreso de divisas e a participación nunha industria (que daquela duopolizaban Francia e Italia) enfrontáronse aos «malos costumes» dos «libertinos» do norte, protestantes en maioría.

Franco encargou a Castiella e a Fraga a redacción dunha lei que evitase ataques nacional-católicos contra os templos de herexes tomadores do sol ibérico que ían xurdindo: supuñan incidentes diplomáticos, pois as comuñóns relixiosas luteranas adoitaban ter por cabeza xefes de Estado. A lei saíu adiante (coa oposición ferreña de Carrero Blanco) e dela beneficiáronse os protestantes españois que sobreviviran á represión «por el Imperio hacia Dios».

España preparouse para a tolerancia que hoxe gozamos en boa parte grazas ao turismo; e creou un hipernegocio de recibir xentes raras que obriga a entender todo tipo de humanos. Sería bo, logo, que se tivesen en conta as ensinanzas da historia nun momento de saturación do negocio e de tentacións neofranquistas, xenófobas. E tamén as da poesía: os versos de Rosalía en referencia aos emigrantes -«Ánimo, compañeiros! Toda a Terra é dos homes»- ben valen para os turistas dun mundo globalizado.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 31/07/2017.]

Share

Deixar unha resposta