Correspondencia (A voapluma, Diario de Ferrol, 19/04/2001)

Con permiso do señor director, reproduzo partes da nota que Ramón Varela me envía desde Barcelona, ás que xunto comentarios:
Eu creo que, se para algo serve a literatura, ademais de para nos entreter, é para nos revelar verdades que nós mesmos non seriamos capaces de verbalizar, ou nas que nunca teriamos reparado. En Galicia non se fai este tipo de literatura, e si maioritariamente outra comercializada como “novela para rapaces de instituto” (entre 100 e 150 páxinas) con diversas formas e contidos (…) que atoparemos por quintuplicado nas feiras de libro vello de aquí a uns anos.
Certo. Nunca tanto se fixo por que os rapaces odiasen ler en galego.
Por outra banda, están os que, como Caneiro, parecen os eternos epígonos de Cunqueiro e de toda a literatura “fantástica” e “imaxinativa” (como se á doutros narradores lle faltasen estas cualidades). Non sería mala novela, non, se fose máis aló do simple artificio escapista.
De acordo. Pero non é só o Caneiro, que escribe ben. Nin é un fenómeno galego. Os galegos copian de Madrid, onde mandan lugares míticos e outras parvadas invivenciais.
Parece como que os novelistas senten un certo noxo por todo o que cheire a realidade concreta. (…) Ninguén se atreve coa realidade. Fai falta novela de colexio maior, da emigración galega (dentro e fóra da Terra), da guerra civil, da especulación urbanística nas cidades nos anos 60/70, da chamada “transición”, do chamado “galeguismo culturalista”…
Haberá que escribilas, Ramón; pero, para facelo, cómpre ter vivido. ¿Ou non?

[Diario de Ferrol, A voapluma, 19/04/2001]

Share

Deixar unha resposta