Nos xulgados (A voapluma, Diario de Ferrol, 18/04/2001)

Volvendo á vida normal, logo dunha vacacionciña na casa e na contorna, atopo mensaxe de Ramón Varela, que le estas columnas desde a capital de Cataluña: fala o Ramón de escribir a vida, materia na que entraremos calquera destes días.
E, por diante, vaia un anaco de vida propia:
En plena Semana Santa recibín un telegrama dos xulgados, e eu, que sempre quixen ter poucos tratos coa Xustiza (e coa Medicina), vin que se me estragaba o humor.
No primeiro día hábil, alá fun; e recibiume unha amiga, que me falou do caso con preocupación tan grande coma a súa experiencia noutros semellantes.
Aprendín dela sobre novas leis que consideran os medios telemáticos como adecuados á comunicación no trato entre xuíces e suxeitos de xuízo; e tamén que as leis son incompletas, a punto de poderen lesionar a moral e o patrimonio das persoas que nada ocultan, mentres non serven para espremer os delincuentes de luva branca.
Encoraxado polo que ela me dixera, achegueime a quen tentaba actuar contra unha forma de andar pola vida ás claras, sen ocultacións, e descubrín que, certamente, hai leis que os xuíces aplican correctamente pero que non son correctas.
Volvín á miña amiga, e ela contoume dun home que, desesperado pola imperfección dunha lei, acababa de saír do escritorio disposto a levar o seu caso ao Tribunal Constitucional.
Á porta dos xulgados atopei outro amigo, parlamentario; e, entre os dous, concluímos que non toda a xente debía ter dereito a voto:
Só debía votar quen é consciente de estar escollendo lexisladores.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 18/04/2001]

Share

Deixar unha resposta