Gloria (A voapluma, Diario de Ferrol, 17/04/2001)

Acabaron as vacacións que os arxentinos chaman sinceramente “Semana de turismo”. Os ceos foron benignos e puidemos gozar horas de mar e de monte.
Na miña casa, como na de tantos, non estiveron todos. Por exemplo, a Inés foise para a Alemaña e alá segue, nunha Europahaus onde se xuntan estudiantes de toda a Unión que andamos a facer entre o Miño e o Danubio. Por correo electrónico mandou un esconxuro da queimada con petición de que se lle traducise ao inglés; e contámoslle que o Gurú, cadelo fiel, todas as mañás entra no cuarto dela, cheira, olla e marcha tristísimo.
Pero os outros estiveron, incluída a Irene, que nos deleitou coa súa gargallada de pallasa precocísima.
Foron días de sentir profundo, da entraña; do querer sen explicacións que nos engana para seguirmos vivos, da irrazón que nos arrastra…
Glorioso correu o domingo de Gloria, aniversario da Resurrección do Redentor, da conversión da carne morta en Espírito Vivo.
Todos os verdes da paleta porfiaban por encher o ollo de quen andaba a velos altamente, a cabalo, escoitando os rechouchíos dos paxariños na fronde, sentindo ao lonxe as marcas de voz do cuco que proclaman a primavera.
Na herba vizosa, puntos amarelos e brancos confirmaban a entrada na estación desexada, e os regatos volveran ao caudal que lles cómpre. Os años, ansiosos de leite, empurraban co fociño os ubres das ovellas.
Era a culminación do deleite. Mais algo duro e triste xurdía no fondo da consciencia; e con iso, un pensamento:
Gloria completa, só no Alén. E non para todos.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 17/04/2001]

Share

Deixar unha resposta