Vento e hidróxeno (A voo de tecla, 14/10/2007)

Hungría é un país de aparencia leda malia unha tristura de fondo: depende de Rusia no eido enerxético; o vello amo aínda aperta en termos de petróleo e gas. E a terra dos maxiares non dá para grandes recursos alternativos, fóra o xeotérmico.
Como vento non falta nas súas chairas, logo se comezou a explotar a enerxía eólica para producir eléctrica. Pero non demorou en xurdir o conflito: se o vento é moito pode sobrar enerxía fronte á demanda, e a rede eléctrica non é capaz de axustar a produción de orixe térmica.
De aí veu a idea de usar o sobrante da enerxía procedente de parques eólicos para producir hidróxeno por electrólise; e usalo para alimentar células catalíticas en buses urbanos, que logo se desprazan da maneira máis limpa: exhalando vapor de auga…
Noruega é un país excepcionalmente dotado de recursos enerxéticos: petróleo, gas, saltos de auga, vento, mesmo correntes mariñas. Os noruegueses son innovadores avezados e, por iso, xa teñen unha rede de “hidroxeneiras” ao longo da costa sur do país. Extraen hidróxeno dos hidrocarburos e tamén o producen por hidrólise. Úsano en motores de explosión e células catalíticas, que fan andar automóbiles terrestres, transbordadores e lanchas de pesca…
Galicia é un país privilexiado para a produción de biocombustibles a partir das plantas; mais tamén ten do necesario, coma a Noruega, para entrar na economía do hidróxeno. Oxalá os galegos o entendan e sexan capaces de manter nas súas mans eses recursos, vitais no futuro inmediato.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 14/10/2007]

Share