Palestina (A voapluma, Diario de Ferrol, 16/04/2001)

Cada vez que se fala da Palestina alguén séntese molesto; e cando se escribe, aínda máis. Vaian logo as desculpas por diante.
Nestes días vimos as imaxes da Terra Santa dos cristiáns, oímos recomendacións de non viaxar ata alá e a mente ponse a moer e remoer no visto e oído…
Aquelas terriñas de Deus (quizais do Deus de todos os que din ter un só Deus) son tan míseras que se entende que as ame a penas quen nelas naceu ou se criou, porque un ama unha terra sen lle pedir permiso a ninguén para querela.
De terras menos ruíns emigra xente a lugares principais de vida en paz. E, sen embargo, alí están uns e outros agarrados á pobreza dun ermo cun lago afundido e un río só.
Uns e outros. Uns que se foron -expulsos- hai tanto tempo que ese capítulo da Historia foi contado en latín clásico; outros que alí estaban cando aqueles volveron -hai ben pouco- con toda a rabia de perseguidos en terras de cristiáns.
Uns e outros. Imposiblemente. Violentamente. Militarmente.
A suxestión para persoas con paisaxes pode vir de moi lonxe da Palestina, de terras de auga e esplendor verde, da selva que se alaga coas enchentes.
Nese tempo os animais terrestres concéntranse nas partes altas para seguiren vivos ata a seca. E daquela os grandes felinos gozan da súa prepotencia: de cando en cando, baixan da árbore e atacan, sen que competidores e víctimas lles poidan escapar.
Xulgue o lector se o suxerido é válido por similar; e, se lle parece bo o símil, faga a equivalencia entre persoas e animais (fóra a alma) e os seus reductos.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 16/04/2001]

Share

Deixar unha resposta