Intraguerras (A voapluma, Diario de Ferrol, 13/04/2001)

Fun ver unha película que me deixou o fundamental das historias: a síntese do acontecido para relembrar. Era Inimigo ás portas, visión peculiar do acontecido durante a batalla de Stalingrado, en esencia semellante á “intraguerra” dos homes que procuraban o soldado Ryan de Spielberg ou, se quixermos, tamén parecida á da impresionante A tenue liña vermella. Como digo, a guerra vista por uns personaxes sen dereito á omnisciencia do historiador que está en todos os feitos ao tempo.
Na de Stalingrado hai un escenario atroz que serve para o enfrontamento entre dous tiradores de extraordinaria puntería, un proletario ruso, cazador, e un aristócrata militar alemán. Ten intriga e aventura, compoñentes esenciais para relato recordable; non lle falta amor nin final feliz, malia a barbarie relatada. E comparte coa do desembarco de Normandía figuras de francotirador, con especial psicoloxía.
Todo bo; pero esa bondade de relatos alleos fai pensar na falta dos propios.
En España houbo unha guerra na que se foron probando técnicas da que viría a seguir. Os que viviron a guerra civil, ou a estudiaron, considérana como un anticipo da mundial, do que a penas hai visións particulares fabuladas, nin en papel nin en celuloide.
Curiosamente son estranxeiros os que aproveitaron esa inesgotable mina. Un deles, Peter Elstob, narra escenas de arrepío protagonizadas por un tirador de elite inglés na fronte de Madrid.
A novela, titulada The Armed Rehearsal (O ensaio con armas), segue sen traducirse.
E a xente compra libros de Gala.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 13/04/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*