Botellazo (A voapluma, Diario de Ferrol, 12/04/2001)

Os servicios secretos da máis secreta das irmandades transmitiron unha mensaxe de alarma a algúns dos seus membros, especialistas en medios de comunicación.
A irmandade é de cabaleiros capados (ou sexa, con dereito a capa de deseño) e ten por misión defender os viños da vella Gallaecia. O seu xefe máximo vén sendo poeta, co nome en cifra de Roi Xordo.
A mensaxe di: “Prégase ao irmandiño indagar un feito que, de ter sido certo, movería os catro piares do noso universo. Seica hai testemuñas de que unha dona Ana, esposa de home principal, veu de terras secas dar discurso á Sacra Ribeira, por mor de cata do Amandi que a nosa verbal espada defende; e, axudada por negros literarios de dubidosa orixe, afirmou que xa historiadores celtas e romanos facían loanza do producto das viñas de socalco. Teñan en conta cantos recibiren esta nota que, se cadra, existen pergamiños agachados para a nosa irmandade, quizais roubados por inimigos do noso reino, nos que se demostra o contrario do que nos pensabamos; ou sexa, que a vide entre nós é máis vella có Imperio de Roma, e que os celtas souberon escribir crónicas”.
O paciente lector destas notas ha comprender o desacougo que se espallou entre amantes dos viños do Impaís, logo transmitido a arqueólogos, historiadores e enólogos. Imaxine a posible descuberta feita por investigadores alleos, que informaron a dama de Madrid: a Prehistoria non acabou na Hispania coa romanización, que trouxo o alfabeto; e os celtas pagáns xa coñecían o pecado de Noé…
Todo un botellazo.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 12/04/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*