Marómetro (A voapluma, Diario de Ferrol, 11/04/2001)

Hai ben anos, á vista dun lago espectacular, suízo, falabamos dunha España distante, atrasada. Mostrei ao colega que me acompañaba a miña admiración por tanta perfección nas obras públicas no seu país; e por tanta riqueza.
O colega, coñecedor de España, díxome que os ricos eramos nós. Porque, por exemplo, cada vez que cumpría dar un servicio urbano soterrado, non dubidabamos en abrir as rúas. Eles tiñan outro método, de pobres: abrían unha galería na soterra e por ela metían todo dunha vez, desde os esgotos ao cabo da televisión…
Lembro o caso ao pasar polo meu privado “marómetro”, o viaducto da autoestrada á altura de Miño. Desde alí todas as mañás mido o estado do mar polo número de barcos refuxiados na ría de Ares, lugar evidentemente seguro, naturalmente protexido e, se cadra, propio para un porto.
No entanto seguen adiante os portos exteriores da Coruña e Ferrol, un fronte ao outro sobre o Arco Ártabro, e préguntome (pedindo desculpas aos enxeñeiros do ramo constructivo) se, sumando gastos, non tería sido máis económico construír as pontes da Cidade das Rías para unha autovía externa, e un só grande porto.
Este, a metade de camiño entre as dúas urbes condenadas ao entendemento, estaría á altura das Mirandas. Obra de enxeñería para mostrar ao mundo, sería tamén punto de encontro de paseantes, lugar onde estreitaren as mans cascarilleiros e vilapodrenses.
Pero seica a política de obras é o que é, e que non falten portos, aínda que entrar nalgún deles haxa ser só para prácticos milagrosos.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 11/04/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*