Os ramos (A voapluma, Diario de Ferrol, 10/04/2001)

O domingo de ramos nesta terra de chuvia acabou co ceo limpo, cunha lúa chea que nos falaba das ilusións da vida que non dá rematado, que é círculo a xirar, eternamente.
Este domingo de corazóns levantados comezara cunha brisiña fina e claros entre nubes. Cabaleiros, zamarras abertas, face ao sol, pasamos por xunto da igrexa. Pola beira do camiño, os fregueses avanzaban cara ao templo con ramos de loureiro, daban os bos días e seguían no seu falar, alto, contento; cun contentamento de primavera…
Despois da cabalgada dominical, escoito a radio. Por todo o Impaís xudeo-cristián celébrase a festa dos ramos. A xente lévaos de loureiro, e de romeu; e por sitios enféitanos ata con caramelos. Nas cidades traen palmas secas do Mediterráneo, que, se cadra, non se axustan á historia.
Nesta noite de lúa, abro o Evanxeo por san Marcos, vou á entrada triunfal do que falaba de si propio como El-Señor, curioso suxeito que non optou polo cabalo, fogoso e agresivo, senón por un “xumentiño”, segundo o evanxelista.
Montado nel entrou na Xerusalén dos xudeus colonizados polos romanos, “e moitos estendían as súas vestes polo camiño, e outros cortaban ramos das árbores e os espallaban polo camiño”.
O pobo, que esperaba o Salvador, gritaba ilusionado: “¡Hosanna! ¡Hosanna nas alturas!”… Pasou o primeiro día da Semana Santa. Chega a hora da dúbida cotiá. Antes do sono, esmágame unha mesta saudade daquela infancia feliz en que todo estaba ordenado: Deus creara o mundo, e a el mandara o seu Fillo para ensinarnos a Verdadeira Relixión.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 10/04/2001]

Share

Deixar unha resposta