Kafkiano (A voapluma, Diario de Ferrol, 09/04/2001)

Cada vez que me falan de literatura arxentina e me loan os contos do Cortázar, lamento a ignorancia de arxentinos e alleos. Sobre todo, cando se trata de incitar os rapaces á lectura. Triste axuda se lles dá póndoos a ler o estupor de Rayuela cando podían deleitarse con El Inglés de los huesos de Lynch, romance perfecto segundo canons (por non falarmos de Far Away and Long Ago, que Hudson escribiu no seu inglés literario para narrar aventuras dun rapaz pampeano)…
Ben, pero miremos as cousas da educación en Galicia, onde alguén nos ha de pagar a pensión:
Teño un compañeiro de traballo, “de Ciencias”, que comigo comparte —como tantos técnicos— o gozo pola lectura e o convencemento de que só lendo é como a xente aprende a expresar o que sabe, con florituras literarias ou con parquedades tecnolóxicas.
Por iso é vital que os rapaces lean; e para o faceren, nun mundo dominado pola estulticia audiovisual, cómpre inducilos por medio de narracións divertidas, con historias lembrables.
Velaí logo que estes días andemos a remoer no caso dun dos seus fillos, non moi botado á letra impresa, ao que lle “chimparon” de lectura obrigatoria nin máis nin menos que Die Verwandlung de Franz Kafka, ou A metamorfose, na versión galega que ten que ler.
Nada mellor para que un rapaz aburra a lectura, en galego ou en calquera outro idioma. Nada como iso para o mozo rexeitar de por vida a Literatura, que transcende os idiomas.
Algo kafkiano. E aínda ben que non lle fan ler No ventre do silencio do protonobel Ferrín.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 09/04/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*