As Repúblicas (A voapluma, Diario de Ferrol, 08/04/2001)

Coincidindo co XX aniversario do Estatuto de Galicia, no quiosco Alfonso da Coruña está aberta unha exposición sobre o republicanismo e as repúblicas —primeira e segunda— en España, que dá moito para pensar: en principio, que a Historia desta nación-estado europea é unha perda de tempo entre 1812 e 1975.
Despois, que as dúas repúblicas xorden cando monarquía e monarcas se fan impresentables á vista do mundo; e que as voltas atrás se producen por non seren os republicanos capaces de facer funcionar o estado con orde e concerto dabondo como para manteren o apoio da burguesía.
Chama a atención o toque federalista do primeiro intento, cunhas denominacións que nos encherían de dúbidas hoxe, en momento de bombardeo cruzado e constante entre o bando centralista e os bandos periferistas, porque en tempos dos nosos tataravós falábase de “rexionalismo” pensando no “estado galego” dentro da “nación española”.
No segundo intento, a redacción inicial de estatuto —con Paz-Andrade polo medio— menciona xa o “estado galego” dentro da “república federal española”.
Despois, ese estatuto ficaría no que ficou…
Finalmente, non escapa ao visitante da exposición o apaixonamento que conduciu ás atrocidades do 36. É notorio no panfleto de Falange Española a pedir o voto contra a autonomía de Galicia. Alén de avisar contra a rotura de España, alerta contra os partidarios do Estatuto.
Segundo os da camisa azul, os autonomistas só buscaban arranxar “enchufes” para eles.
Como se en Madrid, xa daquela, non houbese enchufados.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 08/04/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*