Mariñeiras (A voapluma, Diario de Ferrol, 07/04/2001)

Reinando don Carlos III (que algo bo sería para España pero moito mellor para Francia), puxéronse as bases de moitas modernidades, déronse grandes ordenanzas e parecería que todo había seguir así —nesa orde— ao longo dos séculos, mesmo que houbese evolucións fillas da ciencia.
Mais ningún cabaleiro con perruca iría imaxinar as diabruras que hoxe vemos. Por exemplo, que oficios de homes fosen desempeñados por mulleres.
Dificilmente daquela (nin dous séculos despois) poderían coincidir enxeñeiros e mariñeiros en lugar de recepción galante, departindo entre pastas e café. Pero que coincidisen enxeñeiras e mariñeiras nesa situación, só en soños —quizais xurdidos do opio que agachadamente viña do Oriente…
Hoxe, sen embargo, pódese ver que unha enxeñeira brinque con outra en presencia dunha mariñeira e que as tres acaben a falar sobre maternidade e roupa:
Unha das técnicas fai chanza do traxe de premamá que trae a colega, dille que agora ten que enchelo; e pregúntalle á mariñeira profesional como se arranxan as do seu gremio cando están embarazadas, levando —como levan— uniforme con pantalón.
A mariñeira aproveita a ocasión para queixarse de que lles fagan levar roupa sen entalles no busto e de que non haxa solución para o avultamento da gravidez:
—Só ir soltando o cinto.
As outras escóitana e poñen cara seria, solidaria. A vestida de premamá sentencia:
—Xa volo solucionarán cando algunha oficiala chegue a almiranta.
E a mariñeira retruca:
—Se deixan que haxa mulleres con tanto galón…
En fin, tempo ao tempo.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 07/04/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*