Para bellum (A voapluma, Diario de Ferrol, 06/04/2001)

Decidiron os mariños organizar unha xornada de novas tecnoloxías aplicables á defensa en lugar tan propio coma o “mosteiro tecnolóxico” da Cabana de Ferrol. A cidade coa maior concentración de coñecemento técnico per cápita en España foi lugar de encontro entre militares tecnoloxizados e enxeñeiros que saben dunha realidade insuperable:
Se non queres a guerra, prepáraa.
Para bellum sería o lema desa xornada, que a moitos nos valeu para reencontrarmos amigos, colegas con uniforme e sen el; e para constatarmos que en vintecinco anos de democracia houbo un cambio notorio na sociedade española: as fronteiras entre o militar e o civil fixéronse borrosas, desdebuxáronse.
Hoxe, tras de galóns e insignias, pódese achar un profesor universitario, doutorando ou doutor. Como se atopan investigadores da universidade en proxectos de grande avance tecnolóxico promovidos por mentes militares.
Aínda máis, en democracia hai osmose entre dous mundos que en dictadura se trataran con receo; e con mutuo desprezo.
Ese proceso de osmose pode levar a que a desgracia maior do mundo (“Se este é o mundo que Eu fixen, que o demo me leve”) se converta nun ben común: a que os constantes inventos con que se prepara a guerra poidan transferirse aos eidos industriais, productivos, sanitarios…
Revise o curioso a historia da tecnoloxía e calcule cantas aplicacións do saber científico pasaron do bélico ao pacífico. E repare en que países aconteceron eses traspasos.
Verá, se cadra, que en todos aqueles que fixeron —ou fan— Historia.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 06/04/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*