Literatura (A voapluma, Diario de Ferrol, 05/04/2001)

O lector destas vaidades diarias puido ler onte como unha pota chea de garavanzos a remollo me levaba aos tempos felices da loita contra a Policía Armada (vulgo “grises”) e a referencias aos colexios maiores.
Aqueles anos de formación universitaria representan un intre —breve treito da Historia— que non se deu recollido en termos de Literatura (como tampouco se recolleu debidamente a guerra civil).
O 68-75 está por contar (como o 36-39). Os da miña xeración aínda non cumprimos cun deber social: redactarmos a novela do colexio maior…
Vén isto a conto por dúas razóns:
Hai días, Carmen Abizanda tivo a xentileza de facerme unhas preguntas e escribir as respostas, para salientar algo no que me reafirmo: en España hai literatos de máis e poucos novelistas. Faltan vivencias. Hai pouco que contar.
Antonte oín o Xosé Carlos Caneiro, literato de inmenso mérito, bater nas que definía (espero non errar) “novelas magnetófono”, as que “reproducen o que se pode reproducir por outros métodos” (se cadra en referencia aos audiovisuais) e “nada teñen que ver coa Literatura”.
Algo ten de certo o que di o Xosé Carlos, defensor de mundos creados polos escritores con independencia do vulgar mundo dos cronistas.
Pero el, na súa paixón creadora, tal vez esqueza que é máis difícil de inventar o que puido ter sido real, destilado da vivencia, có que naceu só da quimera literaria.
O reto é maior porque o receptor da mensaxe, o lector, ten parámetros de medida.
Velaí, quizais, o medo a enfrontar a Literatura do colexio maior.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 05/04/2001]

Share

Deixar unha resposta