Garavanzos (A voapluma, Diario de Ferrol, 04/04/2001)

Ollando para unha pota chea de garavanzos a remollar, viñéronme profundas saudades do tempo ido en que todos contra Franco estabamos mellor, porque eramos rapaces.
Os garavanzos son legumes que precisan máis remollo que as fabas ou as lentellas, por seren duros coma pedras; tanto que se lles pode dar peculiar aplicación.
Vexamos: a escola de Telecomunicación en que estudiabamos (ou, alomenos, pola que andabamos) está no extremo dun paraninfo cheo de facultades que, daquela, eran niños de rojos. E non é que a nosa escola carecese desa especie, tan apreciada pola Social e polos grises.
Cando se armaba calquera rebumbio, logo de percorreren o paraninfo, viñan cara á escola os grises a cabalo cuns vergallos que mancaban moito máis cás porras da súa infantería.
E aí tiñan o problema, porque pola costa de acceso botábanselles garavanzos (normalmente mangados nos colexios maiores) sobre os que esvaraban as ferraduras daqueles animalotes insensibles á algueirada.
Só boliñas de aceiro de rolamento superaban en eficacia as sementes de papilonácea…
Pero alá tiñamos un colega comunista, especialista en garavanzos e eterno repetidor, que ideou algo máis refinado, electromagnético: un emisor láser que servise para cegar os cabalos dos grises.
E, como alguén advertiu que tamén se podían cegar os xinetes, o rapaz ficou parado, a imaxinar o que parecía unha inhumanidade.
Finalmente, concluíu:
Habrá que apuntar bien, y, si algún gris queda tuerto, que se joda.
Moito me gustaría atoparme con el. Se cadra, tamén é avó.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 04/04/2001]

Share

Deixar unha resposta