Irene (A voapluma, Diario de Ferrol, 03/04/2001)

<

p align=”justify”>O pasado domingo abríronse os ceos en esplendor e tivemos día de cerdeiras floridas, vestidas de branco, e de xílgaros a cantaren entre as silvas e os carballos.
Abril comezou para min nun día grande, cun feito transcendental: por primeira vez na súa vida, Irene montou a cabalo.
Cóntoo a petición duns amigos que len estas columniñas co café da mañá, e que insisten en que aos escritores (ou sexa, os vaidosos que non recean en espir a alma) lles cumpría contaren esas miudezas que pertencen a todos os humanos, que nos humanizan colectivamente…
O caso é que a miña familia foi recibida cordialmente pola do Waldo Felípez, alá no fondo do Val de Loureda, e que pola eira grande que preside a casa paseei coa neta na sela que veu do Chaco arxentino, ben arqueada, cuberta cunha pel de carneiro na que se afundiron as súas perniñas.
Ao paso avanzamos polo leiro, cara a unhas ocas grandes e dispostas a defenderen o seu terreo, ás que desprezou a Aixa, facendo como se non oíse os seus berros estridentes.
A Ireniña agarraba a crina da besta e de cando en cando dicía “Bau”, que é como ela identifica calquera cuadrúpede, sexa canino, equino ou vacún.
Nunca esquecerei o gozo pintado na súa carucha de mazá do Edén…
Eu xa a montei a cabalo. Agora seu outro avó terá que bañala nas augas da Frouxeira. E aínda temos que levala a navegar a vela polo Río da Prata, para cumprir a vontade do bisavó que lle queda.
No mundo sempre gobernou a inxustiza: a Irene (véxanse estas babas) nada ten que ver cos meniños que ninguén quere.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 03/04/2001]

Share

Deixar unha resposta