En grego (A voapluma, Diario de Ferrol, 02/04/2001)

Recibo unha chamada de Xosé Manuel Silva, director xeral de Agricultura da Unión Europea. Chámame para recitar con excelente —e perigosa— memoria unha restra de apelidos meus. Seica antes llos recitara monseñor Faustino Sáinz, embaixador do Vaticano na UE, compañeiro de paseos polos parques de Bruxelas.
Monseñor Sáinz é un fiel veraneante de terras eumesas desde hai dez lustros, e primo dos meus primos.
Doulle ao Silva memorias para o case parente e entramos a falar de vacas, da aftosa, de pesca, de barcos pesqueiros, da Noruega… Europa vese enteira desde a chaira belga.
Despedímonos arranxando encontros entre viaxes, e poño a andar a radio:
Escoito un magnífico programa da Nacional 3 sobre música grega.
Grecia ten un atractivo esencialmente europeo, e os gregos falan en clave para nós: as súas vulgaridades sóannos a ciencia. Megalodromo quere dicir autoestrada.
Nesa fala de sons entre casteláns e galegos, ghegheante, xexeante, ñeñeante, Eleftería Arvanitaki recolle os lamentos da Armenia, as harmonías dos turcos, mira ao mundo a través da música do Cabo Verde. E, de súpeto, a súa arte chega a un máximo en compañía de Dulce Pontes, quen fai dúo con ela a cantar en grego.
Europa, o hiperpaís que cabe na cabeza do chantadino Silva, é un mosaico infinito de culturas e falas que a estulticia xacobina non quere considerar.
Da Finlandia á Grecia, da Grecia a Portugal, o tesouro da variedade causa envexa aos que xa non poden ser diferentes: os ianquis —que emprestan lingua e costumes para uniformizar o mundo.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 02/04/2001]

Share

Deixar unha resposta