Curiosidades (A voapluma, Diario de Ferrol, 01/04/2001)

<

p align=”justify”>Cada xornada deixa as súas lembranzas e a de onte non ha ficar sen elas. Por exemplo, estiven cun señor a moverme por corredores, a subir e baixar escaleiras, e observei que levaba os cordóns dos zapatos desamarrados. Alarmeime, por medo a que os pisase, caese a rolos un par de pisos e se esnafrase. Así llo comentei, pero díxome que quería levalos de tan caprichoso xeito e calei por cortesía, na certeza de que a solución en caso de accidente estaría nas pólizas de seguros.
Tamén por exemplo, recibín, con sobre ao meu nome e enderezo, unha amable carta que dirixía un señor alcalde das Rías Baixas a unha señora alcaldesa do Ribeiro. Nome e enderezo da destinataria –como é normal nos documentos oficiais– viñan ao pé da folla, polo que lin o contido da misiva, aínda que algo estrañado de que o remitente me tratase de “benquerida amiga”.
Con todo, máis chamou a miña a atención a conversa de barra de facultade escoitada a dous rapaces de pacífica presencia. Falaban da detención da terrorista e lamentábana con sorna, porque “ao Gaitas mesmo lle facían un favor, que anda ido” e “ao Ele que ele non vai haber outra maneira de sacalo do medio” (deixo para o lector a identificación dos persoeiros ameazados a que se referían).
Finalmente, en conversa sobre termias e quilovatios-hora, oín estatísticas esperanzadoras para a enerxía eólica; que o carbón segue a ser a fonte máis barata; o gas natural, fonte cara e perigosa en comparanza co gasóleo; e a nuclear, víctima da demagoxia…
Curiosidades, alomenos para min.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 01/04/2001]

Share

Deixar unha resposta