Machado (A voapluma, Diario de Ferrol, 31/03/2001)

A mensaxe —telematica— é de Maria João de Azeredo, que goberna o IDITE Minho, centro de transferencia tecnolóxica da Braga:
Morreu Altamiro Barbosa Machado, catedrático director do departamento de Sistemas da Información da Universidade do Miño.
Altamiro era home en plenitude cando a Parca, sempre sinistra, o veu sorprender cun golpe directo ao corazón.
O noso amigo Altamiro tiña moito por facer, connosco; porque non facía para si só, nin para a súa contorna miñota, senón que pensaba en como unir o que a cegueira dos homes separara.
Din que foron os mozárabes de Coimbra os que, temendo a nobreza galega, provocaron o nacemento de Portugal. Pero agora iso fica alá nos textos do bacharelato e o que importa é o conurbano Vigo-Braga-Porto coas súas ramificacións. O Eixo Atlántico ten a benzón de Bruxelas, e medra en forza malia o eixo Madrid-Lisboa…
Nunca esquecerei o profesor Machado, nin o seu facer sempre consciente do futuro. Nunha ocasión pediume para falar en Guimarães da unidade galaica. Era no véspera do voto que perderon os partidarios da rexionalización en Portugal.
O que dixen desgustou un señor coronel, que torceu o fociño; porque en Portugal tamén hai ultralusistas.
Foise un home válido para estes pobos, grande coñecedor dos galegos, as súas virtudes e os seus defectos, e cómpre despedilo con versos do Manel Freire:
“Não há machado que corte
A raíz do pensamento;
Porque é livre como o vento;
Porque é livre, porque é livre”.
Gloria haxa quen foi enterrado nun lugar de nome tan galego coma Fraián.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 31/03/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*