Nanotecnoloxía (A voapluma, Diario de Ferrol, 30/03/2001)

Logo das montañas que marcan o reino, a chaira busca o mar, dividida en cadriños cheos de riqueza: a Horta sempre necesitada de auga, insatisfeita.
Valencia. Mar azul ao fondo. Albufeira a lembrar Cañas y barro, dramas dun pobo que fala catalán aínda que o negue.
Onde non hai leiras érguense fábricas sobre anacos de terrón productivo, con tribunal das augas tan vello coma o país.
A capital é grande e pretensiosa en construccións, algunha con alturas de barroco soviético. Camiño da Politécnica pásanse torrenteiras medoñas, cheas dun canaval bravo.
A universidade dos enxeñeiros é unha cidade, con bancos e pizzerías, e bicicletas baixo o sol cegador.
Primavera de corpos mozos e nus. Na xuntanza tecnolóxica un bafo mediterráneo obriga a espir as chaquetas, a abrir o nó da gravata…
Europa. A Unión non é unha quimera. Ou si, pero ten un espléndido orzamento en “megaeuros”. E intencións de forzar os europeos a traballaren polo dominio do coñecemento útil, o que fai aumentar a productividade no exquisito e deixa traballos menores para “a inmigración”.
En Valencia un italiano de Bruxelas explica en castelán ceceante, perfecto, o que se lles vai pedir ás universidades, aos centros de transferencia de tecnoloxía; o que se vai ofrecer aos consorcios de empresas europeas innovadoras.
A palabra chave do novo futuro é “nanotecnoloxía”:
Mili, micro, nano, pico… fronte a quilo, mega, giga, tera… ¿Cómo non imos ter que aprender grego e latín os de Ciencias?
Grego e latín fan o cerne da Europa. Dunha Europa tecnoloxizada.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 30/03/2001]

Share

Deixar unha resposta