Xornalistas (A voapluma, Diario de Ferrol, 29/03/2001)

Susto no aeroporto por culpa dunha aterraxe abortada. Despois, no hotel, conecto o teléfono móbil ao ordenador portátil e accedo ao sistema de comunicación autónoma do viaxeiro: o correo electrónico.
Descárganse as mensaxes e entre elas atopo a dun amigo que me fai unha amoestación: entende el que manteño unha campaña contra os xornalistas que vai facer dano ás miñas relacións co gremio. Alude a dúas destas columniñas, unha sobre a confusión dos voltios e os vatios e outra a cerca da ignorancia de nomes da Literatura. Segundo o meu amigo, érame mellor calar ca provocar…
Xa sei que nada couta a miña impertinencia, pero quixera que se me entendese: non o fago por mal. Non procuro ofensa senón reflexión.
O problema non é o que subxace en dúas frases cínicas: “xornalista é aquel que escribe sobre todo o que descoñece” ou “un xornalista é un mar de coñecementos cun milímetro de profundidade”.
Hai profesionais conscientes de que na súa profesión o que importa é a síntese perfecta do acontecido, incluíndo na perfección a precisión de termos e medidas. Eses xornalistas contrastan prudentemente con expertos nas materias que tratan como un enxeñeiro consulta un avogado ou un veterinario pregunta a un economista para facer o seu informe.
O problema é, unha vez máis, do bacharelato de agora, no que nada aprende ninguén. E valla unha anécdota:
Nun curso de postgrao para xornalistas preguntoume un alumno que era “iso da sinusoide”.
—Sinusoide —respondín— é algo que nos meus tempos se estudiaba aos catorce anos.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 29/03/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*