Galicia é unha nación difusa

<<GALICIA É UNHA NACION DIFUSA>>

ENTREVISTA A JORGE VELASCO -REVISTA TEMPOS NOVOS- Nº 241- XUÑO 2017

Jorge Velasco González é o rei das alturas. O seu escritorio, no último piso dun edificio de oficinas da Rue du Trône / Troon Straat (que en Bruxelas todo é bilingüe), permite ver cúpulas e terrazas, chemineas e campanarios. Estamos nas instalacións do Consello Superior de Investigacións Científica (CSIC) da capital da Unión Europea, que acolle os escritorios de diversas institucións, entre elas as universidades galegas. O seu director é un físico de partículas que naceu e se fixo persoa en Ourense mais, se cadra, pensa (e sente) en francés. Suxeito peculiar, formado en Ciencias pero sabio en Letras, ofrece unha conversa abraiantemente rica; e fai definicións rotundas. Por exemplo: “Galicia é unha nación difusa”…

—Indo ao principio de todo, Jorge, ¿de onde sae o apelido Velasco? ¿Como se asenta en Ourense?

—O meu pai naceu en 1923 nun municipio de Córdoba que daquela se chamaba  Pueblonuevo del Terrible, que logo se fusionaría , en 1927 co veciño de Peñarroya.  O meu avó paterno, natural de Irún,  topógrafo, fora alá traballar na construción do ferrocarril.  De novo o ferrocarril, neste caso a construción do tramo galego Zamora-Ourense, provocou a vinda do  meu avó a Galicia, asentándose en Vilar de Barrio, lugar do que aínda conservo un recordo entrañable, porque, debido ás estupendas amizades  de infancia que deixou  o meu pai, pasaba  eu semanas, en setembro, de vacacións. O meu pai era moi novo, tiña sete ou oito anos cando chegou ao Vilar… Alí  aprendín eu a maior parte do galego falando co Camilo, o Perico, o Gonzalo, a Xoana e máis a Carmiña, e tanta xente que xa non son deste mundo… Volvendo á historia familiar, meu avó, republicano, quedara viúvo en 1933, con catro fillos ao seu cargo. Tras  producirse o golpe franquista  moitos obreiros manifestáronse en contra do golpe militar; ao meu pai parecéronlle seres  impresionantes, pois levaban cartuchos de dinamita atados  na cintura. O meu avó asistiu e deu vivas á República. Ao triunfar a rebelión viñeron buscalo a casa e salvouse da morte porque alguén presente invocou a súa condición de viúvo e que quedarían os seus fillos sen teito. O contrario do meu avó materno, Xoan, de dereitas,  que tiña unha tenda e era ademais o carteiro de Cudeiro, quen tivo que andar escondido varios días  para que non o fosen buscar os do bando contrario. Xa rapaz, o meu pai instalouse en Ourense,  onde coñeceu á miña nai, nacida en Peliquín, neses tempos un lugar independente da cidade de Ourense. Inicialmente o meu pai seguiu a tradición familiar, topógrafo, para posteriormente dedicarse aos negocios e converterse en empresario. A miña nai, mestra, apenas exerceu a súa profesión, dedicándose por completo a criar os fillos que foron vindo e que acabamos sendo oito.

—Suponse que esas biografías de avó e pai dedicados á técnica te inducirían ao ramo das ecuacións, ¿non? Pero seica a ti che pasou como a min, que logo entraches de rapaz “niso da cultura”. De aí o da revista do colexio e as entrevistas a Otero Pedrayo e a Cunqueiro. Cóntame en detalle como derivaches por aí, como lembras aqueles grandes señores da palabra

—Non lembro unha influencia específica familiar. “Decidín” (quizais unha afirmación moi tallante, máis ben “atraíame”) facer Físicas ao redor dos 14 anos. Pero gustábame todo, non sentía unha predilección especial. Unha das miñas grandes frustracións foi verme obrigado a elixir entre Ciencias e Letras logo da reválida de cuarto, porque non me sentía identificado cunha soa delas… Meu pai tiña moitos volumes da colección Austral na súa biblioteca e eu lía todo o que podía. De alí vén o meu amor por Baroja e Unamuno, que nunca diminuíu. De pequeno, cando non tiña clara a diferenza entre un enxeñeiro e  un científico, fascinárame Verne, e A illa misteriosa aínda a releo. Logo, claro, viñeron os clásicos da Literatura Universal que devoraba. O meu canon persoal fraguouse nun período relativamente curto, entre 15 e 17 anos, e apenas se moveu desde entón… No último ano no Colexio (Irmáns Maristas) un grupo de compañeiros editamos unha revista escolar, que bautizamos Aturuxo, da que só sacamos tres números. O último realizámolo (en 1970) integramente en galego. Foi a época en que lin  esa xoia  que se chama Sempre en Galiza. Eramos un grupo moi heteroxéneo que incluía a amantes da literatura, da ciencia, marxistas que soñaban coa liberación de Galicia ou apolíticos. Logramos, mercé a relacións persoais e ao descaro da adolescencia, que colaborasen connosco figuras consagradas como Otero Pedrayo, Alonso Montero e Manuel María. De Alvaro Cunqueiro, quen nos prometeu unha colaboración que nunca chegou a tempo porque Aturuxo acabou co curso escolar, reteño unha historia curiosa. Fun velo á feira do viño do Carballiño coas  dúas  persoas que comigo constituían o núcleo duro da revista:  Antonio Meilán, hoxe  catedrático de Filoloxía en Oviedo, que é natural de Mondoñedo e tiña unha boa relación con Cunqueiro, e o  escritor  ourensán José María Pérez. O recinto estaba cheo de xente. Cunqueiro saíu a recibirnos á entrada e díxonos: Agardade, rapaces, que enseguida  volvo. E non volveu! Foi a miña única experiencia cunqueiriana. Inesquecible… Tanto Otero Pedrayo como Risco foron profesores da miña nai, quen lembra con agarimo as clases do primeiro e insiste en que o segundo distaba moito de ser un bo profesor. Tamén tivemos unha boa relación con Xesús Ferro Couselo, fundador e primeiro Director do Museo Arqueolóxico de Ourense, a través da Agrupación Cultural Auriense, da que foi así mesmo fundador.

—Todos fomos parte da diáspora. Quizais te vexas identificado nalgún personaxe do meu primeiro libro, Voltar, que corresponde á etapa en que coincidimos en Madrid o Cuqui Silva, reencontrado en Bruxelas, e o Luís Álvarez Pousa, director de Tempos Novos e tanto outros… Ora o Álvarez Pousa e eu “voltamos” mentres que o Silva e ti vos afastastes moito: París, Xenebra, Bruxelas. ¿Que vos fixo tan “europeos”? ¿Como foi o teu periplo?

En 1971 fun a Madrid estudar Física á Universidade Autónoma. Era de recente  creación, ían pola cuarta promoción e aínda non concluíra a construción no campus de Cantoblanco. Ao acabar orienteime cara á Física de Partículas; grazas aos contactos do Departamento marchei a París. En realidade, tendo en conta o meu traballo de tesiña, debería ter ido a Marsella; creo que acabei en París en parte porque a cidade me namorara cando a visitei en 1969 e insconcientemente quixen volver a ela. Alí levei  a cabo o terceiro ciclo de Física  Teórica, cambiei a miña orientación cara á Física de Partículas experimental, e realicei  a tese correspondente sobre unhas partículas cuxas propiedades comezaban a coñecerse con precisión, os neutrinos. As cousas despois viñeron rodadas. Concedéronme unha fellowship  —contrato de tres anos con excelentes condicións— no Centro Europeo de Investigación Nuclear (CERN), un lugar fascinante para investigar. A diáspora funcionaba ben: no cantón de Xenebra  había  preto de 25.000 galegos cando cheguei, e tres centros galegos; no mercado en fronte da miña casa podía conseguir polbo e nabizas. No CERN estaba eu só como representante do Impaís… España, que entrara a formar parte do CERN en 1962 para saírse en 1969, volveu estudar o reingreso, que se produciu en 1984.  Ofrecéronme  en Valencia colaborar para relanzar o grupo de Física  de Partículas que existía desde o ano 1950 no Instituto de Física Corpuscular (IFIC), un centro de investigación no que participaban tanto a Universitat de Valencia como o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). Obtiven un posto de Científico Titular no CSIC en 1986, e despois fun Director do IFIC de 1991  a 2000. Todo iso proseguindo o meu labor de investigador, estudando a Teoría Estándar da Física de Partículas  mediante experimentos realizados no CERN.

—¿Que fai a un científico mudar de traballo, a xestor de fondos para a investigación? ¿Como ves a carreira profesional que che queda por diante?

¡Os azares da vida! Sabes, Xavier, cando se presenta un CV, en xeral faise dándolle coherencia co que un chegou a ser. É, digamos, unha redacción finalista. Pero sabemos que a vida non é así (xa Darwin ensinounos que, polo menos na evolución biolóxica, as causas finais non son necesarias para explicala). Un cambia de país, ou de traballo, porque se namora e quere seguir a quen ama, ou porque se aburre, porque aparecen posibilidades inesperadas, por ambición profesional ou viaxeira… Na miña decisión influíron varios factores, como unha proposta que non esperaba e unha conxuntura que o permitía; así aparecín en Bruxelas para catro anos. As circunstancias foron cambiando de novo, houbo moito diñeiro para a ciencia en España, grazas a iso o CSIC ampliou a súa Delegación en Bruxelas cunhas excelentes instalacións que houbo que poñer en marcha, España converteuse nun participante moi activo en proxectos Europeos de Investigación e innovación, e numerosas institucións (universidades, centros de investigación) enviaron persoal. O resultado foi que cheguei por uns anos  e aínda sigo. 

—Todos os que temos escritorio nas oficinas ao teu cargo estámosche moi agradecidos. Todos andamos á procura de cartos para a investigación que nin o Rajoy nin o Feijó ven necesarios. Aquí aloxas organizacións universitarias gañadoras de proxectos colaborativos europeos. ¿Cales son as cifras definitorias da competitividade española nos programas da UE?

—Nos resultados que publicou o ano pasado a Comisión Europea  sobre  o tres  primeiros anos de vixencia  do Programa Cadro da UE dedicado ao I+i, Horizonte2020, España conseguiu un resultado moi bo.  Somos o cuarto país no retorno da  UE, cun 8,6 % do total, por tras de Alemaña, Reino Unido e Francia, con Italia e Holanda á nosa zaga, países que en anteriores  Programas Cadro ían por diante de nós. É o resultado dun progreso continuo que vivín desde o Sexto Programa Cadro, que arrincou en 2003, consecuencia dun formidable esforzo colectivo: os centros públicos de investigación, como o CSIC, as universidades españolas, cada vez máis  activas e máis presentes en Bruxelas, as empresas de base tecnolóxica, con organizacións como Tecnalia. Contando coa axuda do Ministerio de cada momento, temos demostrado que podemos competir cos mellores e estar ao seu nivel. Pero non temos que durmirnos nos loureiros: esperaremos aos resultados finais de H2020 en 2020 para ver se a tendencia se confirma

—Ultimamente, en Bratislava, en Bruxelas e en Londres, en ámbitos científicos e fóra deles, a xente que tratei foime recoñecendo que un dos ósos máis duros de roer do Brexit é o da Ciencia. ¿Como o ve un home coma ti, que está nas engrenaxes da máquina do Horizonte 2020?

Se se efectúa a saída do Reino Unido da UE a situación vai cambiar en formas que aínda non son predicibles. É cedo para avaliar o impacto. De entrada o orzamento da UE diminuirá nun 15%. No sector do  I+i precisamente é no que os británicos son máis competitivos e obteñen un retorno maior. Inicialmente podería pensarse que isto nos favorecería ao resto de países, ao perder un competidor importante. Pero a longo prazo quizá sairemos todos prexudicados: en ciencia a competencia, sobre todo se  entran os mellores, é boa para aumentar o nivel e alcanzar mellores resultados. Os meus colegas británicos dedicados ao  I+i  en Bruxelas andan moi preocupados e tentando imaxinar como paliar a situación. Pero o I+i é  unha parte dun proceso máis complexo no que dominan, como se viu nos debates previos ao referendo británico, fundamentalmente factores  políticos… Persoalmente resúltame difícil pensar, e aceptar, na utopía “realista” que é a miña, unha UE na que o Reino Unido non estea presente. Pero a situación é seria; a maior parte dos meus colegas doutros países europeos  mostran unha enorme preocupación e mesmo, nalgúns casos, un certo desánimo ante o posible futuro da  UE. O que non é  un asunto trivial: moitos levan en Bruxelas preto de vinte anos e saben do que falan. Pero, repito, son optimista: os grandes avances na construción europea foron respostas a crises  coma a actual.

—Vai para doce anos que ando vindo a Bruxelas para facer “lobbying” legal a favor dos centros tecnolóxicos e dos grupos de investigación de Galicia. Aprendín que non hai xeito de conseguir subvencións para proxectos se non se tenta conducir as liñas de programa cara ás excelencias e ás necesidades de cada país. ¿Que regras de ouro lles darías a políticos e xestores da Ciencia de Galicia para faceren país do Impaís en Bruxelas?

Os políticos e os xestores teñen cada vez mellor información e moito interese. Hai que ter  presenza activa en Bruxelas, establecendo redes de contactos que nos permitan expor os nosos proxectos e ideas ás persoas adecuadas, así como seguir con atención como fan as cousas quen van por diante para aprender dos mellores. Un excelente exemplo a seguir    coñécelo ben, por ser un dos protagonistas: Nos locais do CSIC, co que as tres universidades galegas subscribiron un convenio de colaboración, dispoñemos dunhas instalacións excelentes, que outra cousa non se pode dicir delas: escritorios privados, salas de reunións e de actos publicos… Aquí estamos para apoiarmos en Bruxelas, tanto a nivel de xestión como na participación concreta en proxectos europeos de I+i.  

—Estou seguro de que a túa conciencia de galego non é tan difusa coma a da maioría dos expatriados. Tes boa parte da familia en Ourense. Somos moitos os amigos daquela “rexión periférica da UE” que che queremos ben. Son testemuña do ben que te entendes con científicos galegos coma o Ángel Carracedo… ¿Algunha vez pensaches en doar o teu coñecemento ao Impaís cando te xubiles, ou a parte francesa da familia te levaría, por exemplo, a un retiro dourado na Martinica?

Vou a Ourense ver a familia que alí teño, aínda que non coa frecuencia que desexaría. De momento, a miña achega ao benquerido Impaís en canto a desenvolvemento do I+i en Galicia consiste basicamente en recibir a quen vides a Bruxelas e intercambiar ideas relacionadas coa evolución do I+i dentro da UE, cales están a funcionar mellor e en que países, como adaptalas á situación galega, seguir atentamente como van ir evolucionando no futuro, etc. Participei así mesmo como conferenciante en eventos (conferencias, reunións) aos que se me convidou por parte de Institucións públicas galegas para expor, analizar e discutir estes temas… Retiro dourado en Martinica? Non sei que dicirche, pero deica pouco irei pasar uns días por alá…

—En fin. Seguiremos a falar, se cadra de Literatura, e de Galaxia. Iso, os libros e a nosa participación como socios na editorial sempre dará para conversa. ¿Cando vas ir ver a túa mai a Ourense? Promete que me vas ir ver á Coruña dos teus amores. ¿Prometido?

—Vou ver a miña nai e os meus irmáns sempre que podo… Antes do verán, seguro. Ademais, teño que ir con ela a Santiago a darlle o abrazo ao  Apóstolo, para que a súa benéfica influencia chegue ata Bruxelas… Prometo que pasarei pola Coruña, onde vivín ata o seis anos, e onde pasei algunhas semanas case todos os veráns da miña vida. Porque, Xavier, temos que seguir falando de I+i na UE, en España e en Galicia, que aínda queda moito camiño por percorrer.

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*