Susto (A voapluma, Diario de Ferrol, 28/03/2001)

Nunha ocasión, en viaxe transoceánica, cadroume á beira un personaxe popular que me confesou o seu pavor aos voos, e pediume desculpas por se non me facía caso, pois tomara un Valium 10 para superar o pavor do tránsito.
Hai xente que non soporta o medo a voar, por vertixe, por claustrofobia sumada á sensación de ingravidez ou por cálculo: o accidente aéreo, aínda que raro, non deixa hipótese de salvación.
Pero tamén hai suxeitos coma min, que gozan sobrevoando selvas en avioneta, e que se senten moito máis seguros a bordo dun avión que conducindo o seu coche na estrada.
Máis, con todo, de cando en cando un leva fatais recordatorios da aventura de voar. Na memoria fícanme, por exemplo, as dificultades de tomar terra en Los Rodeos, e unha batida no chan estrondosa, con caída de vultos e mascariñas de osíxeno, e berros angustiosos da xente; ou o golpe de vento sobre o Canal de Beagle que obrigou o piloto a demandar toda a potencia dos motores para superar a illa de Navarino, e tentar de novo a manobra…
Este día pasado foi en Barajas, vulgar aeroporto, sen épica de illas afastadas. Transcorría o voo ricamente, lía eu en El Ideal Gallego o que escribira Ezequiel Pérez Montes sobre as Pepitas dos ferroláns na Coruña cando, de súpeto, o descenso a terra se converteu en desesperada procura do ceo.
Os veciños de asento ollámonos, lívidos, e non tardou a confirmación da sospeita: o comandante tivera que abortar a aterraxe porque na pista había un avión.
Volveramos nacer.
Pero, se cadra, volveremos reincidir.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 28/03/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*