Ferrín (A voapluma, Diario de Ferrol, 27/03/2001)

Vén de lonxe a miña admiración polo mestre Ferrín, como persoa e como poeta (non como novelista). Para min, e para os que coidamos que somos moitos, o Ferrín é o Ferrín, polo que non recitamos Xosé Luís Méndez Ferrín. Aforramos nomes de pía e patronímico —segundo se fai con frecuencia, para despiste de portugueses que usan o “sobrenome” final, paterno, como o máis importante.
Pero o caso é que a pólvora e as magnolias do escritor máis venerado polo pobo do Impaís non abondan para acabaren coa ignorancia que impón a colonización.
Ferrín non existe para xente que debía saber todo de Galicia:
Calquera destes días, mentres o seu nome aparecía entre os dos poetas premiados co Nobel que andaban por Compostela, e repetido en asociación ao premio da Irmandade do Libro, fíxome unha entrevista un profesional do xornalismo, destinado na área de cultura do seu medio.
Ao tocar o punto que tanta estrañeza causa —que un enxeñeiro en exercicio escriba novelas— fixen referencia ao Ferrín, lembrando cando el, nunha cea animada do PEN Clube, me largou que eu, tendo “unha mente cartesiana”, xamais podería facer Literatura. E defendinme retrucando que as miñas novelas alomenos se entenden…
Pasou a entrevista, gravada, e recibín a chamada de quen me entrevistara para aclarar algúns puntos, principalmente “nomes raros”. Un deles o de Ferrín.
Non comprendín o que me preguntaba.
Pero así era: alguén que estudiara o bacharelato en Galicia non sabía quen era o Ferrín. E —consólese o mestre— tampouco o Freixanes nin o Cabana.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 27/03/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*