Mentireiro (A voapluma, Diario de Ferrol, 26/03/2001)

Hai un descanso de chuvia que non damos crido. As señoras andan aliviadas, porque era moito o agobio e poucas as casas con secadora eléctrica.
Como se fose un sarcasmo, sucesivamente padecemos os días mundiais da auga e da metereoloxía, e todo é un rexoubar ao respecto, desde os entendidos por disciplina ata os observadores que se atreven a emitir prognósticos baseados na tradición.
Os científicos da materia falan da impredictibilidade natural do sistema meteorolóxico e dos métodos de predictiva matemática con axuda dos ordenadores. Os non científicos mesmo lle botan humor á cousa.
No último caso está don Xosé, un crego de terras adentro que leva máis de corenta anos escribindo o Mentireiro Verdadeiro coa intención de axudar os paisanos nas tarefas agrícolas.
É unha historia linda, dun país que existiu: a idea veulle do contacto na rebotica coas persoas “máis preparadas” da parroquia. Ou sexa, o médico, o farmacéutico, o xuíz e o mestre.
Eles animárono e púxose ao choio, que agora lle resulta doado porque xa ten “a súa mecánica”…
Don Xosé exprésase con falar de home que sabe moito, e trata os seus “agoiros” con gracia envexable, facendo unha comparanza nos acertos coas agullas dun reloxo parado, que, aínda así, “alomenos dan a hora certa dúas veces ao día”.
E tenta deixar claro que o título da súa publicación popular e meteorolóxica debe ser ben usado: poida que sexa un mentireiro, pero ao ser feito con boa intención, será verdadeiro.
Moi ao contrario sería se o calificasen de Verdadeiro Mentireiro.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 26/03/2001]

Share

Deixar unha resposta