400 vatios (A voapluma, Diario de Ferrol, 25/03/2001)

Clase logo dun día de festa rachada; trazas de somnolencia nas caras do rapaces. Comezo logo a lección comentando as asneiras publicadas por un xornal. As caras avívanse, e concluímos: o mundo anda tolo, futbolizado, analfabetizado. Daquela os rostros que me contemplan xa están preparados para oíren como funciona un circuíto sementado de diodos Zener, moi traizoeiros…
As frases eran demoledoras: “A suba de tensión chegou case aos 400 vatios”, “Un exceso de potencia dana decenas de electrodomésticos”, “Por estraño que pareza, os usuarios ficaron sen servicio por un exceso de potencia“, “(os aparellos) están preparados para funcionaren a 220 vatios de potencia e non a case 400″.
Os alumnos non o daban crido, porque para eles, como para calquera que estudiase o mínimo de física, a potencia dun xerador pode ser infinita sen que as cargas conectadas a el teñan que sufrir por iso; a potencia é o producto de tensión por corrente; e cada aparello demanda a corrente que precisa sen que lle pase nada como a tensión se manteña. Tamén saben que a unidade de potencia é o vatio, que a de tensión é o voltio; e que a tensión normalizada en Europa é de 220 voltios eficaces.
Podería dicirse que iso é propio de rapaces que estudian unha carreira técnica, e que os de Humanidades (entre os que se encontran os xornalistas) non teñen que saber nada ao respecto.
Pero a cousa non é así: o desastre provén dos bacharelato (tome nota don Celso), onde non se aprende de nada.
Nin sequera a mirar nas etiquetas dos electrodomésticos.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 25/03/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*