Revoda (A voapluma, Diario de Ferrol, 23/03/2001)

Como diría Carlos Casares sabiamente, o andar en “intelectualidades” non dá cartos pero permite facer amigos e deixa a memoria cargada de momentos que evocar.
Dígoo ao lembrar a “revoda” da conferencia que me convidara a dar o clube financeiro da Coruña. A “voda” foi no salón de actos, e alí xa coñecín o pensamento de persoas moi interesantes que interviron no coloquio (por exemplo, a profesora que tocou a relación latín-galego-portugués-castelán; ou o economista que pediu opinión sobre a burguesía –anémica– de Galicia). E despois veu unha cea na que, á curta distancia do diámetro de mesa, puiden apreciar o valor dos comensais.
Todos intelixentes. Todos os temas curiosos: desde a postura dos mozárabes de Coimbra fronte á nobreza galega á problemática da sida na África Negra pasando polo desenvolvemento comercial de Ourense ou os costumes funerarios na Chaira luguesa.
Con todo, e como sempre, ao que escoita tanto e bo, algo lle fica no maxín para remoer.
E neste caso será o porqué do protestantismo en Galicia, e o comportamento dos protestantes segundo a visión dun veciño de xentes de relixión evanxélica:
Os paisanos facíanse evanxélicos porque podían alcanzar o ceo máis baratamente, sen pagar oblatas e décimos.
Así naceron comunidades protestantes que se distinguiron polo seu puritanismo (nada de festas nin trangalladas) e pola súa solidariedade (aportes de cartos cando a algún irmán de credo lle morría a vaca)…
Non hai que dicir que nun clube financeiro os socios tenden a ter puntos de vista económicos.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 23/03/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*