Cadaleitos (A voapluma, Diario de Ferrol, 21/03/2001)

Os tempos adiantan, e as modernidades van chegando a todos os sectores da industria, mesmo aos tradicionais polo que ofrecen, ou por trataren co íntimo ou reservado.
Hoxe a información dos negocios vai estando na Internet, en páxinas virtuais aloxadas en servidores aos que acceden os interesados. E tanto ten a carnalidade como a fin da mesma, co seu cortexos de pranto, terra e pudrición.
Por veces anda un a procurar algo na rede e atopa o que non esperaba. A toque de rato sobre a pantalla descobre o alleo ao seu cotián sentir e pensar.
Tal é o caso da industria dos cadaleitos. Calquera enderezo de páxina web pódenos descubrir unha clasificación do derradeiro contedor digno do noso corpo:
Hainos “lisos” e “moldurados” en canto ás superficies externas. E, dentro desas posibilidades, aínda os hai “rectangulares”, “redondos”, “exipcios” e “ingleses”, formas que se mostran claramente no catálogo virtual.
Os interiores fican recubertos de “seda foamizada”, expresión que demostra -unha vez máis- como o inglés se mete pola porta traseira ata nos negocios mortuorios, porque “foam” é “espuma”: a que debe amolecer as paredes do caixote final.
E non falta no mostrador electrónico o ataúde de “párvulo” (belo latinismo), que só se serve en cor branca, anxelical.
Como a empresa que se expón en modo web é galaico-portuguesa, de vellos reinos cristiáns, ofrece crucifixo nas tapas dos féretros.
Sendo moderna, e prevendo o que vén, suponse que non tardará en ofrecer outros símbolos relixiosos para completar o mostrario.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 21/03/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*