Equinoccio (A voapluma, Diario de Ferrol, 20/03/2001)

Estamos chegando ao equinoccio, cando as noites son iguais, como indica o astronómico termo. A cabalo vese un mundo lindo, no que a natureza se manifesta libremente: moita auga e temperaturas suaves deron confianza a xaponeseiros e pexegueiros nos que nacía a flor; pero despois viñeron vendavais e sarabia, e con eles foise a esperanza de froita.
Queda outra esperanza, a das cerdeiras que comezan a florir. De agora a unhas semanas, sobre o verde do val xurdirá o branco; e para o san Xoán virán carnosidades redondas e recendentes das cereixas que a todos nos gustaba roubar cando a vidiña aínda era xogo…
Unha saudade profunda do ido para sempre xamais embarga o cabaleiro durante os silencios da excursión; e neles lembra outras primaveras, como aquela en que Lisboa foi por primeira vez un cheiro de xasmín e un sabor de viño verde.
Entón comezou todo, o pelexar constante que trouxo persoas e máis persoas a unha quimera tan necesaria como, ata agora, irrealizable…
A pasada semana veu de visita un mozo ourensán, intelixente e inquisitivo, Serafín Alonso, que está a facer unha tese sobre a normativa do galego.
Non viña falar co técnico en materia de idioma senón con que pode lembrar o que el non puido vivir. Axudou a revivir, evocou momentos en que se mediron os intervinientes na loita. Obtivo información de testemuña que non deixou todo por escrito.
E deu unha explicación aos fracasos: “Non conseguistes socializar as iniciativas”.
Certamente: a xente non nos acompañou. E xa se consumiron vinte primaveras.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 20/03/2001]

Share

Deixar unha resposta