Violencia (A voapluma, Diario de Ferrol, 19/03/2001)

Algo me debe andar a roer pola consciencia cando o subconsciente me asusta, en soños, presentándome o que coñecín claramente esperto.
A pasada noite acordei coa sensación de que me asaltaban mentres comía e logo me veu á memoria o que parecera soñado pouco antes pero fora vivido tempo atrás:
A primeira lembranza corresponde a un restaurante de Copacabana, alá nos esplendores do Río de Xaneiro.
En noite de calor e traxe tropicalizado acompañábanme á mesa dúas damas que buscaban certa informalidade despois dun calorosísimo acto académico.
Comezando xa a gozarmos da inescusable caipirinha de aperitivo, achegóusenos un pequeno que parecía un boneco de chocolate. Nu salvo un calzonciño e descalzo, levaba ao peito un mostrador de trapalladiñas que nos rogaba comprármoslle con ollos enormes e tristes.
As señoras mirábano cariñentas cando veu un camareiro, o agarrou polo pescozo e tirou con el na area.
O segundo recordo é dunha rúa de viños coruñesa. Unha das damas da noite carioca -a miña perpetua- compartía parrochas e un ribeiro decente cando ficou paralizada. Seguinlle o mirar de susto e vin como dous evidentes drogadictos roubaban un polbo que os camareiros tiñan disposto a cortar e salpementar nunha mesiña á porta: un asaltante botaba a man ao cefalópodo e outro colocaba un puñal na gorxa do empregado do local que pretendera defender a propiedade do dono…
Custoume retomar o sono. Porque, unha vez máis, me perseguía a idea da violenta inxustiza que hai no nacer: o cando, o onde, e fillos de quen.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 19/03/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*