No CGAI (A voapluma, Diario de Ferrol, 18/03/2001)

Celebrouse o décimo aniversario do Centro Galego de Artes da Imaxe, arranxado especialmente para a ocasión:
Unha tea acorde coas dimensións do local recibía parte do tesouro que foi recollendo o CGAI no seu tempo de vida. Do proxector saían imaxes da Coruña nos anos 20 e 30, de toda Galicia por esas tempos, e dun encontro político en momentos de república animosa, previos aos de crispación que deron cabo dela.
Houbo discursos. Xesús Pérez Varela deu cifras que non permiten dubidar dun labor creador de país, que moitos coñeciamos por casualidades da vida, chea de quebros e saltos entre os mundos polos que se reparte a galeguidade.
Na festa de aniversario non estaba o Manuel González, pero houbo quen nos lembrou momentos de conversa con el en Buenos Aires, cando andaba á procura de rolos de fita cinematográfica perdidos por sotos lóbregos…
Foi unha festa linda, orixinal, recordable. Mesmo os comes e bebes tiveron o seu chic, con verduras para mollar en prebes fortes e lascas de chacina sobre tubos de plástico dentro dos cales viñan anacos de pan.
Cadaquén ficaría coas imaxes e as voces que mellor entraron na súa propia sintonía, pero todos co desexo de que unha tarefa coma a do CGAI prosiga sen descanso.
Eu fun de alí coas frases convincentes do autor de Blanca Madison e co fascinio que sempre me produciron os antigos hidroavións:
Un deles, con seis motores, entraba na baía da Coruña nos tempos en que o castelo de San Antón estaba nunha illa.
Pena non o poder ter visto entón cos propios ollos.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 18/03/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*