ONGs (A voapluma, Diario de Ferrol, 17/03/2001)

De volta no impaís querido, anúnciase a primavera con verdes tenros. O mar segue no seu sitio e desde a autoestrada vense barcos ancorados como lembranza de lugares exóticos: esta fisterra é o comezo dun mundo que se inicia sobre as ondas do golfo Ártabro.
A Coruña fica atrás, burgo marítimo co faro do adeus cara ás Américas; e logo vén Ferrol, construído como San Petersburgo, por orde real, pero ao servicio dos mares: dos buques cando se dicía que “poder naval é poder mundial”…
En Ferrol espérame un ordenador, parente do que me mira na Coruña. Abro o correo no da Cabana ferrolá e atopo mensaxe dun colega enxeñeiro, fillo dun compañeiro de aventura literaria.
Dime algo que eu —e tantos coma min, os da “xeración do bacharelato superior”— descubriramos cando el non nacera: “Despois dun ano en Madrid xa teño bastante claro que, como en Galicia, en ningures (conclusión pouco orixinal e mesmo tópica, pero xenuína e sincera)”.
O rapaz quere volver —como nós quixemos— e pide axuda para atopar quen empregue as súas capacidades onde nada é áspero como na cidade que tivo por mellor alcalde o rei que deu forma final a Ferrol.
O seu drama é o dos fillos dunha matria anémica, na que non xorden empresas; e, cando algunha vai ben, axiña é devorada por outra de fóra.
Mentres algúns galegos dedican os seus esforzos ás ONGs de axuda aos inmigrantes iletrados ningún crea unha ONG para recuperar emigrantes coa cabeza chea de coñecementos.
E —segundo a moral que todos aprendemos— a caridade comeza por un mesmo.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 17/03/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*