Torpedeo (A voapluma, Diario de Ferrol, 16/03/2001)

Madrid con sol. Coches con letreiros solidarios: “Yo como carne de vacuno”. A radio envorca máis do que satura: penurias de inmigrantes (ningún dos cales infrinxe as leis españolas) e maldades de vascos (todos malísimos porque queren reformar a constitución).
Madrid sucumbe ao inglés. Persoas preocupadas pola entrega a unha lingua que se coñece mal e se supón superior escoitan unha interpretación sobre o absurdo de “la multimedia”:
Nos nosos romances, o latino “medium” deu “medio”. O plural de “medium” é “media” e para nós, “medios”.
Os ingleses introduciron os cultismos “medium” e “media”, como nós usamos “curriculum” e “curricula”.
De “media” os ianquis construíron “multimedia” e aquí, por soar a feminino (rematado en “a”) para quen non ten nocións de latín, converteuse en “la multimedia”, cando debía ser “los multimedios” ou -sendo pedantes- “los multimedia”.
Pero esa pedantería sempre sería filla da imitación da lingua superior no novo sistema diglósico en que se afunden os españois de fala castelá (triglósico para os demais). E hai algo peor: non é que con esa palabra se substitúa un termo propio senón que, aínda por riba, vén torpedear a estrutura do castelán (e dos outros romances ibéricos por imitación).
“Multimedia” úsase como substantivo (“la multimedia”), pero tamén como cualificativo (“equipos multimedia”) na función que realiza nunha lingua xermánica o substantivo que se antepón a outro (“multimedia equipment”)…
En fin, spanglish fillo de bacharelatos sen gramática (e sen reválidas).

[Diario de Ferrol, A voapluma, 16/03/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*