Compoñedores (A voapluma, Diario de Ferrol, 14/03/2001)

Parou a chuvia, aumentou o vento; claros no ceo iluminan unha paisaxe invernal logo dun intento de primavera: poucas flores fican nas árbores froiteiras; e por toda parte hai eucaliptos vencidos.
Uns están no chan, desarraigados; outros convertéronse en arcos sobre os vellos camiños reais que dan paso polos montes.
Natura, que é sabia e tenta salvar o que pode, fai que as novas pólas dos eucaliptos delgados e arqueados procuren a luz en vertical.
Pasados uns meses, o bosque vai adquirir carácteres de capricho xardinesco.
A natureza é unha grande compoñedora…
Saímos a cabalo dispostos á observación e á conversa. Vemos unha pelexa entre cans e ocas que acaba con triunfo das aves, a proxectaren os bicos coma arietes contra os seus inimigos.
Despois atopamos unha garza viúva, que non puido continuar vindo en feliz compaña, inverno a inverno, ao seu lugar no mapa inmenso e migratorio que leva na cabeciña mínima, porque lle mataron a parella.
Vadeamos ríos cheos, tomamos alturas, miramos poldriños e xovencas; e entramos a falar de ósos quebrados ou mal colocados.
Aí, en competencia cos traumatólogos, xorden os compoñedores, que detectan o desarranxo entre as polpas dos dedos, colocan e mandan marchar o paciente sen necesidade de xeso.
Seica hai dous tipos de coñecemento: o transmitido polos compoñedores dunha xeración a outra e o que estudian os médicos nas facultades.
O que chama a atención dos excursionistas a cabalo é que os universitarios non estudien as artes útiles dos prácticos.
Porque todo é ciencia.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 14/03/2001]

Share

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

*