Incesto (A voapluma, Diario de Ferrol, 13/03/2001)

Un amigo íntimo chamoume para falarmos de telemática e, por xurdir na conversa o nome doutro colega, acabamos falando de relacións sexuais maritais.
Segundo me dicía o informador, esoutro personaxe -compañeiro de trangallada universitaria en tempos que alá van- anda moi baixo de moral, a dicir que a vida xa pasou para el… e confesa que hai dous anos que non se arranxa coa muller en exercicios húmidos e horizontais.
O que mo contaba é un tipo vital, empresario inasequible ao desalento, que abre empresas e logo as cerra se van mal, para volver abrir outras novas, sempre na diversión de “facer amigos cos negocios e nunca negocios cos amigos”.
Aseguroume que a el o amolaría moitísimo morrer nestes momentos; e eu apoiei o que di, engadindo que só querería morrer de velliño, canso das banalidades do mundo.
Canto ao sexo, díxome que o seu era o “estándar: sábado, sabadete…”. Eu corrixino (considero que se debe dicir “normal”, que é o que significa “standard” en inglés) e coloqueime nesa situación estatisticamente vulgar.
Despois díxome que fixera unha investigación morbosa, pola que descubrira tipos que levaban xa ata cinco anos sen “faceren uso do matrimonio”, como dicían os cregos no confesionario, o cal conduciu a conversa cara ás separacións xustificadas.
Pero eu non puiden resistir a tentación de perdoar algúns casos, nos que interveñen criaturas capaces de espantaren a concupiscencia.
E lembreille que, logo de moitos anos coa “perpetua”, a relación faise tan fraternal que mesmo parece incestuosa.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 13/03/2001]

Share

Deixar unha resposta