Censura (A voapluma, Diario de Ferrol, 12/03/2001)

Está en Ferrol a exposición do cincuentenario de Galaxia, instalada no centro que leva o nome de Gonzalo Torrente Ballester, escrito con letras de bronce que xente encanallada foi roubando da parede.
Completa periplo por un impaís que non merece personaxes coma os que publicaban libros galegos en tempos do Invicto Caudillo Cerillita.
Galaxia escolleu documentos contundentes: os comentarios do censor sobre A Esmorga, “historia soez de tres borrachos”, a frase do Aparicio sobre as faltas de ortografía (niso consistía o galego para aquel arribaespañista) e mesmo a guía dos que fozaban á procura do que puidese “atacar el Dogma” en primeiro lugar.
Delia e Álvaro, libreiros, contáronnos as dificultades que hai vintecinco anos aínda tiñan para venderen libros de Galaxia. Xaime Bello suxeriu que algún día falen, e alguén propuxo unha xuntanza de libreiros de toda Galicia para contaren o que sufriron baixo a bota do Xeneralísimo…
O perdón nada ten que ver co esquecemento, e a xente necesita da historia que a televisión de Madrid lles segue a negar. Quizais os galegos de hoxe non merezan ser compatrianos dos homes de Galaxia porque, sinxelamente, non saben o que foron.
Pero algúns si o sabemos. Lembramos a Ben-Cho-Shey alá en Madrid indo e vindo ao Ministerio da Censura, a seguirlle o rastro aos orixinais, usando de galaicas virtudes para conseguir que as mutilacións non destruísen a obra.
Galeguista coma os compañeiros, entendía que a dignidade individual residía na do país que o marcaba polos apelidos.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 12/03/2001]

Share

Deixar unha resposta