Traballadoras (A voapluma, Diario de Ferrol, 11/03/2001)

Pasou o Día Internacional da Muller Traballadora; e, outra volta, algúns homes pensamos nas compañeiras que –parafraseando un fado– “dormem na nossa cama e tentam sonhar os nossos sonhos”.
Compartiron connosco as ilusións da mocidade, os diarios enganos con que seguimos adiante na vida, as quimeras de amor de cada fillo e as penas do que se foi abaixo e dos que enterramos.
Delas recibimos o que dá “unha muller núa e no escuro” segundo a canción de Serrat, criáronnos os pequenos, educaron adolescentes insoportables e, aínda por cima, arrimaron un soldo á “unidade familiar”.
No entanto, o sistema do que formamos parte todos –nós e elas, pero nós máis– fíxolles difícil a condición de traballadoras por teren condición de mai:
Os patróns mirábanas con receo por se “caían en estado”, como se a gravidez non as deixase producir; e ninguén as agasallou cun tempo dabondo como para deixaren os meniños cheos de leite e agarimo, fortes como para que alguén mirase por eles mentres elas traballaban.
O sistema, que precisa do seu cerebro, dos seus brazos e do seu útero, esqueceu que por teren a potencia máxima do ser humano –a de reproducirse– cómpre tratalas de excepción.
E foron quedando de segundonas, miopemente malpagas, relegadas a non mandaren, cando son capaces de gobernar unha casa e pór no seu sitio eses bárbaros de fillotes que, aínda nenos, xa lles poden comer as papas na cabeza.
Alá vai outro 8 de marzo e nada cambia no reparto de personaxes no teatro do mundo.
Ata que elas se rebelen e nos poñan a andar.

[Diario de Ferrol, A voapluma, 11/03/2001]

Share

Deixar unha resposta